Nunca traces tu frontera, Ni cuides de tu perfil; Todo eso es cosa de fuera.
António Machado
Os países constrúense virando mutuamente as costas, erixindo castelos e protexéndose uns dos outros232. O Estado moderno típico, continuo e indivisíbel, pretendía
exercer poderes sobre un “pobo” territorialmente definido, mesmo sendo residente, e poboacións remotas circunscritas nas súas fronteiras con límites claramente trazados. Desde a perspectiva dos Estados, as mesmas leis e as mesmas disposicións debían poder ser aplicadas sobre todo o territorio, a través dun conxunto de funcionarios233. A mediados do
século XIX, corresponderalles aos representantes dos estados español e portugués, mediante condicionantes determinados e determinantes con diferentes situacións e grupos no poder, tomar decisións acerca da fronteira e da súa defensa234. Pasado o tempo de conquistas e
anexacións, tratábase de definir até onde ían os límites dun goberno, acabando con entrelazamentos, situacións indefinidas e miscibilidades perigosas. A fronteira, que transporta con ela a imaxe de fortalezas e conflitos, suavizara coa pacificación das relacións entre os dous Estados. Neste proceso clarificador, o desenvolvemento da cartografía no século XIX permite determinar os límites con maior precisión, aínda que a fronteira entre Portugal e España sexa unha das máis estábeis e antigas do mundo por ter sido practicamente fixada no Tratado de Alcañices de 1297235. Viría só a ser obxecto de
rectificacións que, para os intereses centrais, poden considerarse de pequena importancia (Taborda, 1932:27).
Asinado o 12 de Setembro de 1297 naquela vila, preto de Zamora, con representantes das coroas de Castela e León, e de Portugal, o referido tratado, favorábel a Portugal segundo Amaral e Garcia (1998:968), pretendía o fin das disputas territoriais entre os dous reinos, a
232 François Guichard chama a atención para o feito de teren sido pouco útiles estas fortificacións, hoxe convertidas en xoias arquitectónicas militares de uso turístico, en rexións «ameaçadas pelo abandono e pela agonia económica» (Guichard, 1997:37)
233 Funcionarios como o carteiro, o axente policial, o profesor, o traballador dos camiños de ferro ou os soldados permitían un contacto entre o centro e a periferia.
234 Sobre este asunto, v. Wateau, 1999:230. A autora lembra o principio da segmentariedade Nuer, enunciado por Evans Pritchard, seus conflitos e alianzas, en que un inimigo pode sempre volverse amigo, en caso de necesidade, sobre todo contra un inimigo común, considerando que a fronteira permite manifestar este principio globalizador das partes.
235 Alcañices amosa, segundo Ladero Quesada, como se mantén a memoria das reivindicacións territoriais, aínda que sexa abusivo ollalo á luz dos criterios do nacionalismo contemporáneo. Trátase dun tratado de fixación de poderes reais, aínda que comece a estimular a manifestación de sentimentos prenacionais (Ladero, 2001:39).
través dunha corrección de fronteiras (Pascoal, 2000:41). Permitía o fortalecemento interno da autoridade real e o control de terras de periferia. Dunha sentada, tratábanse casamentos rexios e límites de reinos, quedando quites e determinados, na linguaxe de Fernão Lopes (cit. Amaral e Garcia, 1998:973).
Aínda que os límites fosen coñecidos colectivamente nos locais na Idade Media, só en tempos de conflito se materializaban (Gonçalves, 1998:63). A paz trazada en Alcañices, coa incorporación dun conxunto de terras no territorio portugués, viría delinear en trazo groso a fronteira, con perturbacións só no restabelecemento de límites nas guerras da Restauración. Esa fronteira non é só unha liña política, desdobrada noutra, defensiva. É igualmente o límite xerador de riqueza e poder real: “É que, se en tempos de paz a fronteira era aberta, amável, convivial, en tempos de guerra fechava-se, eriçava-se de hostilidades, eivava-se de desconfianças.” (Gonçalves, 1998:66). Aos pobos da fronteira esixíaselle a anúduva ou adua, fose para a construción ou reparación de fortificacións, fose na prestación do servizo militar, no caso de chamamento xeral, o apelido (Gonçalves, 1998:74), obrigación recuberta de sacralidade.
Entre o norte de Portugal e Galicia, a fronteira viría ser demarcada en “resultado de uma aventura familiar, transformada pouco a pouco en vontade dinástica” (Guichard, 1997:39), xa que non había diferenza cultural, de lingua ou de relixión que levase a unha evidente separación. Un proceso non intencional de fusión e fisión, debido a alianzas dinásticas e a guerras, permitiu a existencia dos catro reinos cristiáns da Península Ibérica – Aragón, Navarra, Castela e Portugal – durante a Idade Media (Llobera, 2000:73)236. Unha
concepción de Estado entre dous principios contraditorios – o expansionismo e o patrimonialismo – conducía a que, aínda que os reis desexasen alargar os seus dominios, dividíannos polos seus fillos por razóns de sucesión. Entender o trazado da fronteira implica saber como o territorio portugués se desmembrou dos reinos de León e Castela, mais que do dominio árabe (Vasconcelos, 1980:218), cuestión que non debe, para Orlando Ribeiro, ser encarada “apenas pelo lado «nacional», mas no conjunto peninsular de que Portugal faz parte; se o destino histórico separou e tendeu a isolar os dois Estados ibéricos, as suas origens são en larga parte comuns e a sua evolução en larga parte também paralela – esclarecendo-se mutuamente, portanto.” (Ribeiro, 1987:20)
Se o dominio árabe tivo unha considerábel importancia en Portugal até o século XIII, ao norte do Douro durou pouco. No século X o río era o límite entre cristiáns e musulmáns. En 1072 Galicia chegaba ao Douro, ultrapasándoo pouco despois. En 1094, Afonso VI entrega este vasto señorío a Raimundo, seu xenro, destacando del a terra portucalense que concedeu a Henrique, casado coa súa filla Teresa. Ambas as tenencias hereditarias tiñan efectos soberanos, aínda que suxeitas á supremacía do rei de León e Castela.
236 Con esta remisión para o aleatorio, non contesta Llobera a distinta identidade nacional e consciencia de varios pobos de España: “en todo o caso, no interior do moderno estado espanhol, Catalães, Bascos, Galegos e talvez outros povos apresentam uma identidade nacional e consciências distintas.” (Llobera, 2000: 68)
A terra portucalense era entón un territorio entre o Douro, Minho e Trás-os-Montes até Coimbra con asento de corte en Guimarães ou Braga237. Pola morte de Afonso VI, en 1109,
logrou Henrique a independencia dun territorio cuxos límites non andarían distantes dos indicados a finais do século XI e inicios do seguinte:
“No litoral, desde a foz do Minho à do Tejo (…). Ao N. do Douro, o ponto mais oriental, pelo menos até Campiã, en terra de Panoias. Ao S. do mesmo rio os territórios da moderna Beira-baixa, que, segundo um documento de 960, se chamava Stremadura; outro documento, de 1059 diz in extremis, ex alia parte Durio: aí ficava Trancoso, Moreira de Rei, Longobria («Longroiva»), Numão, Penna do Dono («Penedono»), Caria, etc.” (Vasconcelos, 1980:222)
Á morte de Henrique, en 1114, a rexencia da viúva queda inicialmente marcada pola expansión do territorio para o lado galego, con Tui e Ourense no seu dominio en 1119. Con Afonso Henriques, os territorios expandíronse sobre todo para o sur, ultrapasando os límites do Texo cun conxunto de conquistas238. A fronteira norte manterase con algunha estabilidade
– que resulta de límites entre Galicia e o Condado Portucalense, xa marcados polas xurisdicións das antigas dioceses de Tui, Ourense e Braga (López Carreira, 1998:177). Só para o sur se poderá proceder á expansión pola espada e pola aixada, e por 1200, con Sancho I de Portugal, estarían sandadas as disputas co rei de León, a quen foron restituídas terras mentres eran conquistadas. Con Afonso II e Sancho II a extensión dos límites faise exclusivamente para o sur, entrando por Ayamonte e as marxes do Odiel e en 1267 estaban asegurados todos os dereitos sobre o Algarve - conquistado aos árabes en 1249-50 - cedidos a Afonso III por Afonso X de León e Castela. Entre 1225 e 1325 hai un decisivo avanzo na definición da intanxibilidade dos reinos a través das súas fronteiras (Ladero, 2001:11).
A fronteira que, nos finais da Idade Media, é entendida como un espazo en que predomina a función defensiva, a que se alían escasos intercambios comerciais, perderá ese carácter sobre todo militar a partir do século XVI, en proveito da Facenda. Precísase a demarcación fronteiriza a través do estabelecemento de postos aduaneiros, coa finalidade de controlar os tráficos comerciais que se dirixen ao lado oposto. Para Mélon Jimenez hai un prolongamento das características da fronteira da Idade Media para a Idade Moderna, pese ás precisións que o Estado Absolutista introducirá. O sistema de fortalezas axudaba ao control da marxe239. Máis que unha liña, a fronteira era unha franxa, frecuentemente mal
definida, cando non coincidía con accidentes xeográficos. Debido aos intereses diversificados que aí se dirimían era «un espazo discutido» e un «espazo fraccionado» (Mélon Jimenez,
237 Se a terra gobernada por un conde é un condado – de aí a designación «condado portucalense» - outros consideran que ao Conde D. Henrique se deu o Estado de Portugal (Vasconcelos, 1980:220).
238 Ao norte, con incursións na Galicia meridional pretendendo prolongar os límites alén do río Miño e até Astorga (Ribeiro, 1987:47), ao este contra León en Badaxoz, en 1169, no entanto frustradas.
239 O mesmo autor chama a atención sobre o que escribiu L.M. Uriarte acerca do carácter duplo da fronteira: se, por un lado, implica unha demarcación precisa en termos xeopolíticos, por parte de estados-nación que a impoñen e manteñen, por outro refírese a unha zona en que a idea de fronteira se estende de forma difusa e irregular de ambos lados da raia (cit. Mélon Jímenez, 1999: 25-6).
1999:23-4).
Foi con D. João III que se volveu máis clara a delimitación da fronteira portuguesa, en 1538, a través do Tombo da Raya. Entre o 14 de Xullo de 1537 e o 31 de Xullo de 1538, de Castro Marim a Caminha, a fronteira portuguesa foi percorrida por Mendo Afonso de Resende (Braga, 1997:5). En 1527 fora feito o primeiro reconto de habitantes, o censo xeral da poboación do reino. Este proceso de reconto presupón a demarcación de límites, nunha clarificación entre quen é e quen non é portugués, que se intensificará co Estado iluminista, coa superación do descoñecemento dos recursos e dos habitantes240.
Anos antes, en terras de Barroso e Galicia, unha rivalidade entre señores habería de envolver os propios moradores de Tourém e Randín en confrontos con feridos e roubos, de tal maneira que “se fossem castigados os lugares se despovoariam.” (Cardoso, 1998:477). O localismo, como construción que conduce os individuos a sentiren como súa a causa do señor, defendéndoo e ao castelo coa consciencia de que están a defenderse, explica este tipo de actitudes. Nun texto de premisas equívocas, Margarida Ventura interroga o papel supostamente asumido polas comunidades que “quotidianamente assegurar a independência política do reino” (Ventura, 1998:601). A perspectiva estatocéntrica xorde, aquí, en todo o seu esplendor, polo destaque conferido á construción e manutención de castelos e á distribución territorial das ordes militares. A autora céntrase na creación de coutos de fuxidos para desterro dos criminosos en zonas de fronteira, colaborando n’“a defesa dos lugares dos estremos, que é a defesa do próprio reino.” (Ventura, 1998:605). Eses coutos, con privilexios variados para fixar moradores e permitir a defensa, poderían quedar exentos do servizo na guerra, de certos encargos, chegando a subornar xente do país veciño241. Nestas marxes conseguen sobrevivir xudeus, mouros, condenados e escravos,
sendo menos incomodados. A creación de coutos, non como lugar de refuxio de criminosos mais de expiación da pena, tiña un conxunto de vantaxes para o poder real sobre o territorio: nas zonas fronteirizas, os fuxidos eran unha forza demográfica, produtiva e militar, tanto máis considerada no caso do condenado desempeñar unha función rara e socialmente valorizada. Para os fuxidos tiña a vantaxe de non perderen os seus bens e de salvaren a súa pena, ao mesmo tempo que coidaban das súas ocupacións cun estatuto de veciños.
Coa anexación de Portugal, os postos fronteirizos quedan temporalmente desactivados. No século XVIII a reforma da administración aduaneira e o reforzo do sistema de vixilancia pretenden obstar ao contrabando (Mélon Jimenez, 1999:245) e vai no mesmo sentido a creación dunha policía fiscal por parte do marqués de Pombal, suxeita ás Finanzas.
240 John Torney chama a atención sobre “mecanismos como documentos de identidade, censo e certidões de viagem não só estiveram ao mesmo nível do serviço militar obrigatório e dos impostos enquanto elementos de formação dos estados, como foram de facto essenciais à sua cabal realização e, con o tempo, sobrepuseram-se a eles como ferramentas da administração que permitiram viabilizar essas actividades ou, pelo menos, torná-las obrigatórias.” (Torney, 2003:37)
241 O procurador de Elvas xustifica que a vila estea tamén poboada con casteláns, traendo para o seu curral a ovella que non é súa (Ventura, 1998:612), dito que traduce as necesidades de poboamento para a apropiación do territorio.
A trazo fino, a fronteira entre Portugal e España merecería outros axustes, no caso do norte en Bragança (1384-1531) e en Barroso (1518)242, en puntos que conducían a
deferenças ou contendas, sobre os que se estabelecían concordatas, mais non quedan entón as dúbidas en relación ao trazado, máis claro despois do tratado de 1864 e as súas partes. En 1893, por convención, é definitivamente fixada a fronteira na designada contenda de Moura, con Aroche e Encinasola. 1.215 km de extensión na fronteira terrestre e 832 km na marítima (Medeiros, 1985:16) quedaron case definitivamente estabelecidos, salvo alteracións de pormenor, despois no tratado de Alcañices, antecedido polo de Badajoz en 1267243. Cerca de
2/3 da fronteira entre Portugal e España corresponde a ríos ou ribeiras.
O esquema para mapear, sempre menos complexo que a realidade (Scott, 1998:309), serve sobre todo ao recoñecemento de puntos que son destacados, a partir dunha lóxica que subalterna a dos lugares, aínda que use frecuentemente as designacións locais. Segundo Tchongchai Winichakul, un mapa é unha abstracción científica da realidade, que só representa algo que xa existía previamente nun dado local. Na Historia, esta relación aparece frecuentemente invertida, cos mapas a anteciparen a realidade espacial. Con outras palabras, un mapa é un modelo para, máis que un modelo de, que se considera representativo. O discurso en relación á construción de mapas foi o paradigma que permitiu ás operacións militares e administrativas teren lugar dentro del e que as serviu (Tchongchai Winichakul, cit. por Anderson, 1983:173-4).
O recoñecemento do territorio dos países cunha perspectiva estatocéntrica propia do Iluminismo, necesita dunha delimitación clara a través das fronteiras244. Ao Diccionario
Geographico ou ás Memorias Paroquiais de iniciativa pombalina, en 1758, cun significativo papel na pormenorización do coñecemento do país, poboación a poboación, a través dunha enquisa detallada aos párrocos, seguirase, en 1798, o Censo de Pina Manique, que inclúe as terras do reino, as comarcas, as provincias e o número de familias. No caso español, o censo de Floridablanca en 1787 resulta dunha enquisa aos alcaldes, con información acerca do sexo, da idade, do estado civil, e do tipo de residencia e actividades económicas, no entanto menos pormenorizado comparativamente ás Memórias Paroquiais.
Para o Estado moderno, o recoñecemento do territorio é fundamental, nel identificando as potencialidades. Dun e doutro lado da fronteira, con escasos seis anos polo medio, dúas obras foron publicadas, en 1758 e en 1764, cunha preocupación similar. A primeira, da autoría de Gonçalo da Silva Brandão, denomínase Topografia da fronteira, praças e seus
242 O castelo da Piconha, onde non viviría senón o alcalde, segundo un documento de 1530, pese a quedar xa en Galicia pagaba foros ao señor de Chaves e pertencía ao señorío de Montalegre. Tamén Ruivães – ou Rubiás, segundo a actual grafía galega – era unha “aldea mistiga”, por ter residentes portugueses e galegos (Vasconcelos, 1980:233). Integrada no Couto Mixto con outras aldeas, esta situación só sería definitivamente aclarada polo tratado de delimitación de 1864, como se verá adiante en pormenor.
243 A medición da fronteira difire, apuntando Melón Jiménez (1999) a que ela se estende en Portugal e España ao longo de 1.234 kms, desacordo explicábel sobre todo pola indecisión fronteiriza relativa a Olivença, ocupada polos españois en 1801, aínda que esa anexación non teña sido recoñecida polas convencións internacionais da época (Medeiros, 1985:19). Magalhães Basto apunta 1.209 Km, con 800 km correspondendo a ribeiras e ríos (Bastos, 1923:6).
contornos, raia seca, costa e fortes da província de Entre Douro e Minho delineada por Gonçalo da Silva Brandão, e a segunda, da autoría de D. José Cornide, é unha Descripcion circunstanciada de la costa de Galicia y raya por donde confina con ele inmediato reino de Portugal hecha en el año de 1764.
No texto de Gonçalo Brandão, a énfase é feita sobre todo nas prazas-fortes das vilas de fronteira que se percorren, nun itinerario defensivo que circunscribe a raia norte. O autor, que describe a fronteira galaico-portuguesa, anota, no subtítulo da carta topográfica do Río Minho entre Valença e Melgaço que “Continua o rio até Melgaço, onde não há cousa de notar mais que o Salto, penedos de uma e de outra parte, por entre os quais corre o rio, e qualquer homem salta de um reino a outro, e por isso se lhe deu o nome de Salto.” (Brandão, 1758:10). Alleo á vida local, salienta esa vertente de ligazón das poboacións dun e doutro lado do río que, tal como se notará nas súas observacións acerca do castelo de Castro Leboreiro, lle parece rexeitábel:
“Sobre uma serra inacessível está situado o tal castelo, en forma prolongada, diviso en dous de pedra de cantaria. Não sei quem possa defender entrada, nem passagem, e o préstimo que lhe julgo é servir para ninhos de águias (onde há muitas) e covil de ladrões. Os moradores de Castro, gente indómita e intratável, estão aliançados con os galegos.” (Brandão, 1758:14)
Nas preocupacións deste enxeñeiro, a quen o marqués do Pombal encomendara o recoñecemento da raia, evidénciase unha perspectiva exterior, dun Estado que quere coñecerse a partir do centro. O autor amosa ser un home da beiramar, que honra con adxectivos apreciativos a fronteira marítima e as súas fortificacións, en bo estado. Xa no subtítulo á carta topográfica da continuación da raia seca confinante co Reino de Galicia até a provincia de Trás-os-Montes, comenta:
“Continua a raia seca por asperezas incultas e de difícil acesso na parte de Portugal, descendo de Castro pela Senhora da Peneda até o Rio Lima, onde con muito trabalho se caminha de cavalo, como de pé. (…) Da parte do Sul do Rio Lima, no cimo de uma eminência, fica o castelo de Lindoso. Segue-se a raia seca até topar a Província de Trás-os-Montes, tudo de serranias, seguindo-se a Lindoso a que se diz Cumeeira da Porca e a Portela do Homem, con aspérrimos caminhos. Por esta portela há estrada bem seguida de Galicia para a cidade de Braga, onde mercadores vão comerciar. (…) Termina-se a raia seca na Serra do Gerês de difícil penetração, por penhascos, arvoredos e matos de que se compõem”. (Brandão, 1758: 15).
Da mesma época é a obra de D. José Cornide (1764). Mentres que na do portugués Brandão encontramos pegadas rexionalistas, este é un texto caracteristicamente iluminista, asentado na descrición enciclopédica da xeografía e con idéntica centralidade nas preocupacións de cariz militar245. Tamén aquí é central a enumeración e caracterización das
barras, das atalaias, dos castelos e fortificacións, mais hai unha substancial diferenza. A fronteira é descrita cunha especial atención ás fortificacións de ambos países, mentres na obra de Brandão só o lado portugués era obxecto de atención circunstanciada. A preocupación militar é evidenciada na avaliación que fai da dispoñibilidade de homes robustos para a guerra, a quen só faltarían as armas e os xefes para poderen conter os inimigos (Cornide, 1764: 154).
No texto de Cornide asume un aspecto paradoxal a atención dada en parágrafos sucesivos á existencia de lugares mixtos, de convivencia entre portugueses e españois, e a intranspoñibilidade da fronteira en termos militares:
“Logo que se passa o rio Lima avança a raia da Galicia um pouco sobre o terreno de Portugal, depois retira-se e segue direita até en frente de Monte Alegre. Todo o espaço destas sete léguas está a raya cheia de lugares dos quais há alguns que se chamam mistos por pertencer a metade dos seus habitantes ao domínio de Espanha e a outra metade ao de Portugal. (…)
A nenhuma defesa e a maior planura deste país en relação ao de Portugal dá maior facilidade aos portugueses de poder entrar pela Limia e internar-se na província de Orense (…)
O escabroso e impraticável das montanhas dos portugueses nesta província de Trás-os Montes, que confina con a Limia dificulta-nos a nós o poder penetrar no interior do seu Reino, ficando mais defendidos do que nós pelas suas montanhas. O sítio mais a propósito para estabelecer alguma fortificação, que libertasse este território de algum insulto, não se pode determinar sem uma circunstanciada inspecção do país.” (Cornide, 1764: 150-1)
consideracións acerca de Castro Leboreiro, “Na parte de Portugal há um castelo antigo de pouca defesa e menos fortaleza: mas está situado num cerro tão